QUEN CON LUME XOGA, QUÉIMASE
TÍTULO: Xa non estou
aquí
AUTOR: Iria Misa
EDITORIAL: XERAIS. Colección: Fóra de xogo
Ópera prima, de considerable contido
social, de Iria Misa Peralba
(Gondomar, 1983), profesora de Ensino Secundario; galardoada co “Premio Jules
Verne de Literatura Xuvenil 2016”.
Nela cóntasenos a desaparición de
Ánxela, moza repetidora de 1º de
Bacharelato, a súa busca desesperada e posterior encontro.
Ánxela non está a vivir un
bo momento, séntese doída pola ruptura coa súa parella, alonxada dos seus pais
e irmán; desubicada, non atopa o seu lugar no mundo. Asiste ao Instituto de
mala gana, “lata” sempre que pode e recala a miúdo na aula de castigo, onde coincide
con María, que a seduce de inmediato
polo seu aire rebelde, pola súa forma de estar e comportarse, pola autoridade
que emana fronte aos compañeiros… María forma parte dun grupo con aspecto
gótico, diferente do resto, coñecido coma Os
Murnios, catro mozos (Carlos, Leirós,
Xan e Gabriel) e unha moza (María).
Témeselles e respectáselles a partes iguais. Ánxela séntese engaiolada por eles. A través de María entra en contacto co grupo, tamén
co mundo das drogas, encontrando deste xeito a visibilidade que tanto desexa. Dándolle,
á súa vez, un xiro determinante a súa vida.
Os Murnios teñen unhas normas escritas polas que se rexen e cuxo
obxectivo é a busca do pracer polo pracer sen ningunha consideración moral.
Sométense a probas extremas buscando experiencias límite. De aí o título da
recensión: “Quen con lume xoga, quéimase…”. Aínda que estas probas xeran
dúbidas e angustia a nosa protagonista, o desexo de ser aceptada e valorada polo
grupo, lévaa a querer demostrar a súa ousadía e valor por enriba de todo.
Ánxela, desde o comezo da narración fainos partícipes das súas
coitas, medos e devezos. Cada capítulo está narrado por un personaxe diferente
da súa contorna, co que imos construíndo a historia da
protagonista e a súa desaparición (tamén
do mundo que a rodea), desde distintos puntos de vista que se entrelazan e nos desvelan pouco a pouco o que sucedeu. A narración comeza o día no que Ánxela desaparece, meses despois do
comezo de curso e a súa entrada nos
Murnios.
Aínda que se intúe o final, a
trama atrapa e mantén o interese en todo momento, con linguaxe áxil e precisa.
Dende a Biblioteca dámoslle as grazas a nosa compañeira SUSANA DEVESA
pola revisión e mellora desta reseña.